02/12/18

TROCO LIBRO, TROCAS?


Por segundo ano consecutivo, a Bibliotrega xunto co Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña, convocan o mercado de intercambio de libros Troco libro, trocas? A partir do luns 3 decembro o alumnado, profesorado e persoal non docente do noso IES pode depositar os seus libros na biblioteca (máximo 2 libros por persoa) e a cambio recibirá unha tarxeta que poderá canxear os días 20 e 21 de decembro no mercado instalado na entrada do instituto. Animádemos todos e todas a participar dando unha segunda vida aos vosos libros e conseguindo novas lecturas para o Nadal. 
Vémonos pola Bibliotrega!

27/11/18

25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O pasado 25 de novembro, no aniversario da tortura e asasinato das irmás Mirabel en 1960, todo o mundo conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que este ano que aínda non rematou xa se cobrou no noso país 45 vítimas mortais.
Dende a Bibliotrega quixemos participar na conmemoración desta data, xunto co equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e o de Igualdade e Convivencia, con diversas accións:



- A creación na nosa biblioteca dunha estantería específica de muller e igualdade, onde estarán representadas todas as obras da Bibliotrega que xiren arredor de temas coma a violencia de xénero, a visibilización da muller, a igualdade de dereitos e oportunidades.... Entre outros, podedes atopar títulos coma Todos teriamos que ser feministas, de Chimamanda Ngozi Adichie; Invisibles, de Montse Fajardo; Sabias, de Adela Muñoz Páez; Persépole, de Marjan Satrapi; Aya de Yopougon, de Marguerite Abouet; O corazón da branca de neve, de Francisco Castro.... E moitos máis. Achegádellos a botar un ollo. Asemade, tódolos exemplares destas obras, nos seus respectivos andeis da biblioteca, están marcados cun adhesivo violeta para identificalos facilmente.



- Temos a nosa primeira lista de reprodución en Spotify, no noso perfil Bibliotrega. O nome da lista é Bibliotrega: feminino, plural, e está cheíña de cancións contra a violencia de xénero e a prol da iguadade de dereitos, propostas polo alumnado a través do noso perfil de Instagram @bibliotrega.



- Na entrada da Bibliotrega colocamos un panel con algunhas das lecturas da nosa nova estantería acompañados de citas ou poemas dalgunhas escritores ou mulleres recoñecidas pola súa loita a favor dos dereitos das mulleres.

- Asimesmo, colaboramos na medida do posible coa actividade de lectura do manifesto o 26 de novembro no centro, e coas mesas redondas sobre a violencia de xénero que se realizarán durante a semana.

Moitas grazas a todos e todas os que partipastes na elaboración das lista de reprodución e nas restantes actividades. Esperamos seguir contando coa vosa implicación.
Recordade, para saber o que andamos a argallar seguídenos en Instagram, @bibliotrega, xa estamos a preparar unha nova edición do Troco libro, trocas? Todos e todas atentos/as!


14/11/18

25 DE NOVEMBRO. CONCURSO DE ILUSTRACIÓN

Como sabedes, o 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a violencia de xénero. Con motivo desta data, a Bibliotrega, o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega e Igualdade e Convivencia do IES A Sangriña convocan de xeito conxunto un concurso de ilustración, co obxectivo de converter os deseños gañadores en adhesivos que se repartirán posteriormente entre toda a comunidade educativa. A continuación deixámosvos as bases deste concurso e animámosvos a todos e todas a participar. 



As bases do concurso serán as seguintes:
1. O concurso está dirixido a todos os alumnos e alumnas do IES A Sangriña, e estará dividido en dúas categorías:
            A. Alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO.
            B. Alumnado de 4º da ESO, Bacharelato, ESA e Ciclos            Formativos.
2. Cada alumno ou alumna pode presentar unha ilustración orixinal, en tamaño A4, que inclúa un lema propio ou dalgunha muller ou home coñecidos polo seu activismo a prol da igualdade de mulleres e homes (débese citar ao autor/a da cita, poema, fragmento…). As ilustracións vencedoras serán convertidas en pegatinas, que se repartirán entre a comunidade educativa.
3. O prazo para a presentación de traballos será do 12 ao 21 de novembro. Deberán entregarse ás profesora Beatriz Núñez, María Carneiro ou Gisela González, indicando no dorso da ilustración nome e curso do autor/a.
4. Premios: o gañador ou gañadora de cada unha das categorías recibirá un vale agasallo por valor de 50€ que poderá canxear nunha libraría de A Guarda ou nunha tenda de deportes.
5. Entrega de premios: luns 26 de novembro de 2018 ás 12:00 na Bibliotrega.


05/11/18

SAMAIN NA SANGRIÑA

O pasado mércores 31 de outubro na última sesión da mañán o alumnado de 1° e 2° acudiu á Bibliotrega para gozar dos contos de defuntos de Inacio Vilariño, de Fantoches Baj. Máis info, aquí

.

22/10/18

24 DE OUTUBRO. DÍA DA BIBLIOTECA


O  próximo 24 de outubro conmemoramos o Día da Biblioteca. Esta data foi proposta en 1997 pola asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil  co apoio do Ministerio de Cultura, en recordó da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1A iniciativa do Día da Biblioteca naceu para trasladarnos a todos e todas nós a importancia da biblioteca como lugar de encontró dos lectores e lectoras de todas as idades coa cultura, e como instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.992 durante o conflito dos Balcáns.

Ese mesmo ano de 1992 o músico bosnioherzegovino Vedran Smailovic tocou o seu violonchelo entre os restos da biblioteca, como un acto de resistencia pacífica e unha chamada de atención para o mundo.
Pola súa banda, o historiador croata Mirko D. Grmek, con motivo de este ataque, acuñou o termo  memoricido para definir a destrución da memoria e o tesouro cultural do “outro”, do adversario, do inimigo.


Celebración na Bibliotrega
Para celebrar este día tan especial, a Bibliotrega vai realizar durante toda esta semana unha actividade de Bookcrossing ou solta de libros. Cada día deixaremos unha pista no noso Instagram (@bibliotrega) e nas paredes da Bibliotrega, que vos levarán ata un libro. Indicaremos tamén coa pista a idade aproximada para a que está pensada a lectura en cuestión.  
Gustaríanos moito que unha vez que teñades lido o libro o soltedes de novo. Se queredes podedes mandarnos un MD á nosa conta de Instagram, ou un correo electrónico a bibliotrega@gmail.com  para compartir a ubicación e que así os libros sigan a circular.
Agardamos que participades no xogo e … FELIZ DÍA DA BIBLIOTECA!


11/10/18

AXUDANTES PARA A BIBLIOTREGA

Buscamos axudantes para a Bibliotrega. Se che apetece botar unha man, reunirémonos hoxe xoves 11 de outubro no 2° recreo. Vén informarte sen compromiso. ☺



21/05/18

Exposición das Letras Galegas

A semana pasada tiveron lugar na Sangriña varias exposicións para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Así, puidemos ver na entrada do centro dez láminas elaboradas polo IES Torrente Ballester para celebrar as nosas letras, que fan un repaso á traxectoria vital e literaria de María Victoria Moreno.

Ademais, na entrada da Bibliotrega colocáronse tamén diferentes diapositivas coa biografía e obra da autora; así como algúns dos seus libros máis destacados, para consulta de toda a comunidade educativa.




23/04/18

Actividades polo Día do Libro





Esta semana terán lugar unha chea de actividades na Bibliotrega para conmemorar o Día do Libro; para facer que a literatura chegue a todas e a todos, para desfrutala, vivila e compartila.

Este luns 23 tivo lugar o contacontos co alumnado do CEIP A Sangriña e o noso alumnado de 1º da ESO A e 3º C e D. Os máis cativos e cativas contaron unha historia inventada e deseñada por eles Nadarín, e despois realizaron actividades en equipo da temática central do conto: o mar.

Esta mesma tarde teremos a segunda das actividades. A presentación de Elefantes de papel de María Salinas e Berto Pirata. Estará destinada ao alumnado de 3º da ESO A, B e C, e contaremos coa presenza da autora, para compartir reflexións e ler algúns dos relatos máis destacados.

O próximo venres teremos no vestíbulo un mercado de libros. Todos eles son produto de doazóns realizadas por diferentes centros escolares e particulares, e serán vendidos por 1€, en aberto para toda a comunidade educativa. Toda a recadación acadada nese día destinarase a un fin social, á asociación Paleng Children's Centre, que busca a promoción da lectura en países subdesenvolvidos.



20/04/18

Charla-Obradoiro de linguaxe de signos na Bibliotrega

Na mañá de onte tivo lugar na Bibliotrega unha actividade para o alumnado de 1º de Bacharelato sobre linguaxe de signos, organizada polo Departamento de Lingua Castelá e Literatura no marco do proxecto de Linguas Alternativas. Con este grupo de actividades procúrase a reflexión e o coñecemento dos diferentes tipos de linguaxes presentes no mundo, desde a linguaxe de signos, coma neste caso, á lectoescritura fácil e os pictogramas.

A actividade foi impartida pola profesora do Centro San Xerome Andrea Olivares.