Este ano vénse celebrando o centenario do nacemento do insigne autor mindoniense: Álvaro Cunqueiro Mora (22 de decembro de 1911).
Álvaro Cunqueiro establece nas súas obras unha constante ósmose entre realismo e fantasía, difumina os límites entre a realidade e o soño, permitindo a irrupción do extraordinario. Así, recrea de xeito lúdico, pero con recursos narrativos de tipo realista, os vellos mitos, como é o caso do que nos ocupa.
En Si o vello Sinbad vólvese ás illas (1961) preséntanos ao coñecido navegante das Mil e unha noites retirado en Bolanda, a súa terra natal. Polas mañás coida a súa pequena horta e pasea polo peirado; ás tardes frecuenta as tertulias da fonda de Mansur, onde refire as prodixiosas aventuras pasadas. Sospeitando que os ouvintes non dan creto aos seus relatos, decide volver a embarcar, interpretando o achado dunha estampa onde figuran dúas naus como un convite para reanudar a súa vida aventureira. A partir de aí, Sinbad se enreda no novelo dos seus soños, ata entón diferenciados da realidade, e sucumbe finalmente perdendo a súa fama, a súa capacidade fabuladora e a vista.
"Sinbad vive, pois, soio, e ten a Sari pra algún mandado, i ós mediodías péchase na casa e cociña pra si algo fritido i alea unha ensalada, i as máis das veces pasa cunha sopa de manteiga e cebola. Vive probe, recontando os poucos cartos que ten, e cando lle pagan a renda dunha hortiña que herdou na veiga, entón merca sempre unha peza de coiro, xa seña bulsa, cinturón ou babucha, i estrena en disanto, e nunca di que estrena, senón que xa tiña aquelo na casa fai doce ou trece anos... Cando remata de xantar sae a sentarse á sombra da figueira súa, e debruzándose nunha ponla baixa bota unha sesta moi roncada. E fóra da tertulia de Mansur, todo o outro tempo seu é argallar no horto, mudarlle a auga ós paxaros chineses, e pasear soio polo peirao i a ribeira. Tamén pasa moito tempo en zurcir e mendar a roupa e no pranchado, e cando prancha, coida que o ferro é unha nave, e faille dar voltas..."
"O MAR é unha vida, e como todo animal cambia de pasteiro e de folganzas, e ás vegadas parez que se rasquese enrabexado o lombo decontra as penas que hai no fundo, e outras agarda a man e rosma calado, igoal que lebreiro de Persia que fai a dixestión do bandullo dunha fermosa gacela, e parece que quer decir que lle gosta que o naveguen os terrenais."
Un clásico ao que sempre regresar para coñecer o sabor doce de todos os mares e ribeiras, mergullar no sabor doce das súas palabras a través de personaxes fantásticos que son pura emoción...


Ningún comentario:
Publicar un comentario