14/05/15



UNA BIBLIOTECA DE INSTITUTO EN ...



Pola súa condición de docente o escritor Eliacer Cansino (Sevilla, 1954) coñece ben a problemática das bibliotecas dos centros de ensino, carentes en moitos casos de recursos materiais e humanos. A situación da biblioteca do instituto onde traballa Ángel, personaxe do libro Unha habitación en Babel, é unha excelente mostra:


A biblioteca está, como case sempre, pechada. Ultimamente, os profesores non saben que facer con ela. Falta espazo no centro e sobran os libros. Ángel intentou abrila, establecer unhas quendas de garda, pero parece que loita contra xigantes: que se xa verás coma non serve de nada, que se antes que estar a coidar a biblioteca hai que vixiar os corredores, que para que abrila se só acoden para comer e charlar, que van roubar os vídeos, que se non hai un vixiante, mellor que non entren, que as vitrinas teñen que estar pechadas con chave, que é preferible que baixen alí os castigados que roldan por todo o instituto e non sabemos onde metelos... Uns por convicción de que a orde bibliotecaria é o xeito que teñen de vivir os libros e que é preferible non abrir que desordenar, e outros porque están cansos, aburridos de intentalo; os uns polos outros, a casa sen varrer. En realidade a biblioteca é o calabozo dos libros. Óeselles berrar, removerse nos andeis, golpear os cristais das vitrinas, queren saír, queren que alguén os lea. As súas historias non avanzan sen os lectores. No andel de novela española alguén colleu Tiempo de silencio e non proseguiu a súa lectura, deixou ao “Muecas” co rato mordéndolle na man, aí detívose, deixou de ler e non volveu. O “Muecas” segue con esa mordedura infinita, inacabable, e óeselle berrar, na súa lingua resolta e clara sen puntos nin comas, que alguén lea por favor, que alguén siga adiante ata onde o rato solta o dedo. Na sección de teatro, Luces de bohemia quedou cun separador na escena do cemiterio: Rubén e o Marqués manteñen unha loita eterna sobre se cemiterio ou camposanto, se escuridade ou luz. E ninguén os saca dese recinto de morte. Espera Melibea a chegada de Calixto e a alba detívose como unha flor enferma, na que Calixto non aparecerá se outro mozo namorado do amor non entra, toma o libro e le; detidas as bolboretas brancas en Platero, o garda dos consumos non sabe se deixalo ou non pasar e Juanra non remata de dicir que é só alimento ideal o que levan; inténtao non obstante, tatexa, óeselle como un fantasma que quixese falar e esqueceu a lingua, a lingua que foi a súa medula, Juanra sen medula, transparente xa e atrapado. Non todos  o oen. A maioría pasa e non escoita o barullo, o dilema de Hamlet, as razóns da barbarie de don Quixote, as blasfemias de don Juan, as humildes palabras con que Juan de la Cruz agradece o amor… Pero Ángel si os escoita, oe a algarabía, a confesión, a ameaza, a orde, a inmodestia, o ai, infelice!, a botella de ron!, o vivo sen vivir en min... e non pode soportalo, introduce a chave, abre a porta da biblioteca e co espanto contido de verse vir contra el o tropel dese exército anárquico e ucrónico, ve en cambio que se fai o silencio. Un silencio sepulcral, de cemiterio, non, de camposanto, mellor de camposanto que ten unha lámpada -insiste só a voz de Rubén que non se cala nin debaixo da auga-, silencio porque non queren asustar a ninguén e porque coñecen a regra do xogo, a lei profunda que rexe dende sempre a natureza dos libros, como un precepto maior, inviolable: son os lectores os que elixen, a liberdade deles é a nosa liberdade. E espera, iso si, cada un no seu tremor, a man de neve que veña a salvalos.
    (Eliacer Cansino, Una habitación en Babel, páxs. 113-115)


Ningún comentario:

Publicar un comentario