Que
hai rapazas e rapaces!
Voltamos
neste novo curso 2016/17 con moita forza e moitas ideas novas para
tornar este blogue un espazo de referencia literario no IES A
Sangriña e na comunidade guardesa e miñota. Clubes de lectura,
presentacións de libros, debates e obradoiros agárdannos neste novo
ano.
Un
ano de celebración na nosa literatura: cúmprense 100 anos da
creación das Irmandades da Fala, organización, como sabedes todas e
todos, que pulou pola dignificación da nosa lingua e da nosa cultura
no convulso comezo de século. E, como tamén estudades literatura
castelá, confiamos en que sabedes que, no ano que aos poucos vai
rematando, nacía o dramaturgo Buero Vallejo (quen non leo a súa
Fundación?) e
escribía Juan Ramón Jiménez o seu Diario de un poeta recién
casado, dedicado á súa muller Zenobia Camprubí. Tamén os
nosos veciños e irmáns na lingua, os portugueses, teñen algo que
celebrar neste 1916: o suicidio de un dos grandes poetas malditos da
literatura lusófona, Mário de Sá-Carneiro: Vejo
o meu último dia
Pintado em rolos de fumo, / e todo azul-de-agonia / em sombra e além me sumo....
Pintado em rolos de fumo, / e todo azul-de-agonia / em sombra e além me sumo....
Acabamos
con esta presentación, que os de linguas somos moito de irnos polas
pólas, convidándovos a todas e a todos a participar tanto no
blogue coma nas actividades da biblioteca. Gústache escribir poemas
ou contos e queres que publiquemos en aberto o que escribes para ver
que opinión teñen os diferentes lectores e lectoras? Esté é o teu
lugar. Apetéceche propor algún libro interesante de lectura para o
clube? Botas en falta algún libro interesante na nosa biblioteca e
queres suxerirnos que nos fagamos con algún exemplar? Aquí hai
espazo para todo iso. A biblioteca é un lugar aberto, participativo,
de debate e diálogo, de aprendizaxe e coñecemento, de goce e
pracer.
Podedes
pórvos en contacto connosco no email bibliotegra@gmail.com ou virdes
directamente á biblioteca falar con nós en persoa. Coma no teatro
experimental contemporáneo, os actores e actrices xa non son
unicamente quen representa a peza ante un público que observa. A
cuarta parede rachouse, o público tornouse unha parte máis da
representación, un ente co que dialogar. Xa non hai fronteiras, non
hai inicio nin final, non hai personaxes nin público. Agora as
fronteiras rachámolas nós. Vide e participade, como dicía Gabriel
Celaya, la poesía es un arma
cargada de futuro.
Contamos
convosco!

Ningún comentario:
Publicar un comentario