Se algo
estivo de actualidade literaria na última semana foi a polémica concesión do
premio Nobel de literatura ao cantor norteamericano Bob Dylan. Por primeira vez
na historia dos premios o homenaxeado é un cantor, que divulga a súa poesía a
través das letras das súas cancións. Mais... podemos distinguir realmente a
literatura da música? E logo que aconteceu ao longo da historia?
Xa no
período medieval un dos principais mecanismos de creación e divulgación
literaria foi a música. Na literatura galega temos a gorentosa literatura
medieval, os nosos trobadores e xograres, os nosos cantores, os nosos creadores
literarios. As orixes da nosa poesía van da man da nosa literatura, un non se
entende sen o outro. Por certo, se os Nobel innovan concedénolle o premio a un
cantor, hai xa case 20 anos que a Real Academia Galega innovara concedéndolle o
premio do Día das Letras Galegas aos nosos poetas da ría de Vigo, todos eles
cantores, Martín Codax, Meendinho e Johan de Cangas. Na literatura española
sobran tamén os exemplos, nos villancicos, nas serranillas e na abundante
colección de romances que se conservaron, orais, durante séculos e que mesmo
chegan aos nosos días. Tamén o romancero popular galego gozou de grande
esplendor. Non hai moito que os cegos percorrían cos seus cantares as aldeas,
vilas e cidades de todo o país.
Mais... foi
só no período medieval? Claro que non! Como diciamos os romances chegaron até
os nosos días, fóronse transmitindo popularmente durante séculos, cantados e
contados, a literatura, alén da que habitualmente se sitúa no canon (este é
outro tema ben interesante para o debate!), foi sempre oral, cantada, foi
sempre música.
E na
actualidade, sobran os exemplos tanto de poemas que partindo da escrita
fixéronse populares a través da música, e de grandes cantores poetas, creadores
de letras dignas de seren consideradas alta poesía. Verdade que todas e todos
coñecedes Unha noite na eira do trigo? Xa a coñecían os nosos avós e
avoas, e os seus pais e nais, e así durante xeracións até chegar a finais do
século XIX, cando o creou o noso poeta Curros Enríquez. De novo poesía e música
van completamente da man. E non só temos que acudir á poesía popular, e logo as
letras de Heredeiros da Crus non son verdadeira poesía underground, rebelde e
xuvenil? Ou ninguén reparou nas fermosas palabras de Joaquin Sabina e Serrat? E
Fuxan os ventos, Suso Vaamonde, A Quenlla, e mesmo Ataque Escampe ou Ruxe-Ruxe?
A poesía non ten que ser só amorosa para ser poesía de calidade, que llo digan
a Bukowski ou a Allen Ginsberg.
Indo
ao conto. Que esta semana concedéronlle o premio Nobel a Bob Dylan, cantor que
nos leva deleitando coa súa música xa desde hai máis de 50 anos, e comezou
forte, pois Like a Rolling Stone foi escolleita mellor canción da
historia pola revista Rolling Stone. Pero como a mellor homenaxe e o mellor
xeito de coñecer a poesía de Dylan é escoitándoo, velaquí vos deixamos a súa
música. Gozade con ela!
Ah you never turned around to see the frowns
On the jugglers and the clowns when they all did tricks for you
You never understood that it ain't no good
You shouldn't let other people get your kicks for you
(…)
How does it feel, ah how does it feel?
To be on your own, with no direction home
Like a complete unknown, like a rolling stone
______________________________________
Nunca te viraches pra ver o ollar carracudo dos malabaristas
Cando eles facían trucos para ti
Ti nunca comprendeches que iso é inútil
Ti non debías permitir que outras persoas
levasen os golpes que eran para ti...
Cal é a sensación?
Cal é a sensación?
De estar completamente só
Sen saber o camiño a casa?
Como unha completa descoñecida
Como unha perdida na vida...

Ningún comentario:
Publicar un comentario